Wednesday 15 de May de 2024

O alcalde anuncia un acordo co Ministerio de Medio para poñer a disposición dos veciños do Agra unha parcela de case 2.000 metros cadrados no Observatorio


Este convenio de colaboración permitirá ao Concello derrubar o muro do Observatorio e abrir un novo espazo público para os residentes que inclúe unha área infantil e 12 prazas de aparcadoiro

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, visitou esta mañá o barrio do Agra do Orzán, onde anunciou que o Goberno local pechou un convenio co Ministerio de Medio para obter a cesión de preto de 2.000 metros cadrados do Observatorio (onde se sitúa a delegación territorial da Axencia Estatal de Meteoroloxía) e poñelos a disposición do uso e desfrute dos veciños. Esta actuación complementa os traballos de reforma que o Concello está a realizar na rúa Observatorio, onde se rematou a primeira fase e a segunda -entre as rúas Canceliña e Gil Vicente- comezarán o próximo 8 de xaneiro.
Carlos Negreira destacou que a negociación que se pechou co Ministerio de Medio permite derrubar o muro perimetral que rodea o Observatorio para abrir aos veciños un espazo de case 2.000 metros cadrados no corazón do barrio do Agra do Orzán. O rexedor coruñés adiantou que as obras, cuxo inicio está previsto para o segundo trimestre de 2015, incluirán a instalación dunha área infantil, a urbanización do ámbito e a creación de 12 prazas de aparcadoiro en superficie, atendendo así ás demandas dos veciños de contar cunha nova zona de esparexemento.
O alcalde realizou este anuncio durante a súa visita á rúaObservatorio, onde se concluíu a primeira fase da reforma desta vía, unha obra enmarcada dentro do Plan Urbana C e que supuxo un investimento de 69.477,84 euros. O proxecto incluíu a creación dunha plataforma única para favorecer a comodidade do usuario, con beirarrúas e vaos peonís máis amplos para mellorar a accesibilidade, seguindo así as directrices que xa se fixaron noutras actuacións de similares características, como a reforma integral da rúa Cuba -a rúa Observatorio contaba con dúas beirarrúas estreitas que dificultaban a mobilidade peonil-; máis zonas verdes e novo mobiliario urbano no ámbito da rúaObservatorio; e a execución da rede separativa de saneamento e canalizacións para iluminación e telecomunicacións das que carecía esta vía.
Carlos Negreira tamén avanzou que o próximo 8 de xaneiro, tras a celebración das festas do Nadal, dará comezo a segunda fase de renovación da rúa Observatorio, que inclúe o tramo entre Canceliña e Gil Vicente. Neste caso, as obras non se inclúen dentro do Plan Urbana C, polo que se executará con cargo ao presuposto da Concellaría de Infraestruturas. Cun investimento programado de 87.000 euros, os traballos consisten na reparación de pavimentos de beirarrúas e vía, bordos, así como actuar na rede de pluviais. Esta segunda fase completará a mellora de accesibilidade que se realizou no primeiro tramo da rúa e terá a súa continuidade coa posterior urbanización da parcela do Observatorio.